




Introducción
Estudos como os de Marilyn Sánchez (2021) demostraron a eficacia de incorporar artes expresivas como a danza na difusión de programas de promoción da saúde e o benestar na mocidade. Entre os beneficios obtidos atópanse melloras tamén en aspectos relacionados coa autoestima e as habilidades sociais.
Beneficios da danza urbana nas xeracións mozas
Un dos maiores retos en xeracións posteriores á GenZ é construír a súa identidade persoal, un debate constante manifestando a súa personalidade por sentirse identificado coa contorna que lle rodea (Petrachovschi, Costas & Voicu, 2011; Iglesias, 2013; Campino, Carmona, Carvajal & Reyno, 2009).
A danza resulta unha forma básica de expresión, que abarca aspectos psicolóxicos e pensamento creativo (Rasmussen & Sturzenbecker, 2013). Laura Tejero (2018) demostrou que coa práctica de danza urbana nas clases de Educación Física o alumnado recoñeceu a vivencia de emocións positivas como a alegría e a satisfacción. Esta disciplina artistico-deportiva tamén foi utilizada en programas de integración de colectivos desfavorecidos, por ser un medio de expresión artístico que conecta directamente co interior da persoa practicante (Gunay & Bacon, 2019; Schaillée, Theeboom & Skille, 2017).
Por todo o anterior mencionado, o alumnado atopa nas academias un espazo para adquirir un nivel técnico de danza urbana, pero tamén un lugar no que se lles permite expresarse, definir a súa personalidade -así como mellorar a xestión de emocións- e provocar sentimentos de empoderamento activando a implicación social (Houston, 2005). As persoas danzantes gozan coa oportunidade de expresar a súa personalidade e de demostrar as súas habilidades a través da danza (González, Díez e García, 2022).
Consecuencias da pandemia no ámbito do baile
Na última década -e cun aumento constante dende a pandemia da COVID-19-, a Gen Z está máis familiarizada ca nunca cas pezas audiovisuais breves de carácter viral -denominadas trends ou challenges-, nas que a maior porcentaxe de contidos consumidos pola audiencia son de entretemento -cun 84,17% en 2022 (Statista, 2023)- na plataforma de Tiktok. Nesta clasificación entran os retos virais arredor do baile e a danza urbana en si.
A situación atípica vivida no 2020 por mor dunha pandemia -e o seu consecuente confinamento- provocou un cambio no paradigma á hora de consumir contidos audiovisuais. No ano 2020 únicamente o 9,6% da mocidade comprendida entre os 18 e 34 anos consumiu habitualmente televisión, fronte a un 23,9% que preferiu a opción de VoD e redes sociais (Barlovento Comunicación, 2020). Cortés Quesada, Barceló Ugarte e Fuentes Cortina, en Estudio sobre el consumo audiovisual de la generación Z en España (2022), amosan que a Gen Z -persoas nadas entre 1996 e 2010- prioriza a súa comodidade, podendo escoller de que forma consumir os produtos audiovisuais e no momento que mellor lle convén. Alén de posuir o impulso de ver o máximo posíbel de contidos no menor tempo, o propio espectador tamén escolle aqueles produtos que lle permita producir os seus contidos en rede. Isto débese a un maior engagement producido polo propio produto, xa que fai sentir tamén protagonistas da historia a cada persoa, como é o caso dos trends en Tiktok (Castillo Fernández, 2023).
O aumento dos formatos dixitais de contidos breves -mencionados anteriormente- gañaron importancia tras a pandemia. Artistas e bailaríns aproveitaron esta nova plataforma para expandir o seu talento e crear contido propio que chegue aos espectadores. Este formato permite deseñar contidos onde se expande a creatividade da disciplina artístico-deportiva da danza urbana, e permite crear colaboracións entre sectores que engloban a industria cultural e creativa