



Aínda que non se pode definir con exactitude o estilo de orixe da danza urbana (pois non hai un estilo puro en si), os seus comezos sitúanse entre finais da década dos anos 60 e comezos dos anos 70 como forma de expresión e resistencia social nos barrios marxinados do arrabalde de New York. Aquí foi nado o estilo Hip Hop -do inglés hip (en onda) e hop (saltar)-, considerado globalmente como a base da danza urbana (pois deste estilo inspíranse moitos xéneros, tanto a nivel de bases musicais, coma pasos, técnica e rítmica temporal).
O seu contexto
Este movemento popularizouse moi rápido entre a mocidade latina e afroamericana como consecuencia da segregación racial. O clima de delincuencia, drogas e bandas armadas influíu no seu xurdimento, na medida en que a mocidade atopou unha alternativa de lecer a toda aquela violencia que protagonizaba as rúas de barrios como Bronx, Queens, Brooklyn e Harlem (Sandín, 2015).
Durante a década de 1969 tivo lugar a inmigración en masa de moitas familias portorriqueñas a estes barrios da periferia. A desacreditación por parte das autoridades competentes daquel entón dá lugar a este xénero, do que tamén forman parte a creación musical (os DJ), o rap (mestres de cerimonias, proveñen do toasting jamaiquino, da poesía relatada con música funk, do soul dos cincuenta, do gospel e as worksongs da escravitude do sur de Estados Unidos, con físgoas de relato rítmico da tribo africana), o grafiti e o breakdance.
Este último resulta ser un subxénero do Hip Hop. Extrae elementos da capoeira e dos seus movementos acrobáticos no chan, e do electricboogie da costa oeste de Estados Unidos. A gran maioría de veces son bailaríns que compiten entre eles en batallas, exhibíndose no break (en inglés quere dicir descanso, momento en que o cantante e os músicos deixan de tocar, salvo a batería e o baixo).
As súas orixes
O Hip Hop ten raíces nos Griots do África Occidental, proveniente de poetas ambulantes do oeste que foron deportados como escravos ao continente americano. A música deste xénero resulta da apropiación do soul, funk e reggae (maioritariamente), debido á mocidade afroamericana empobrecida e discriminada que expresaba as súas condicións de vida nos barrios. Aséntase, pois, como un estilo de vida, vestimenta e valores (Tijoux, Facuse e Urrutia, 2012).
Durante a década dos anos 70 os clubs das zonas máis adiñeiradas da Gran Mazá (nas cales soaba a música máis mainstream), eran inaccesibles para a xente das aforas. Nese momento naceron as coñecidas block parties: festas nas que podía asistir todo tipo de público, celebradas nas propias rúas ou nalgún edificio abandonado. Este tipo de evento foi imprescindible para o xurdimento do Hip Hop. Máis concretamente, o 11 de agosto de 1973 celebrouse no número 1520 de Sedwick Avenue (no barrio do Bronx) a block party que pasaría á historia como a que daría orixe ao hip hop. Cindy Campbell (a súa organizadora) preparou unha festa co fin de recadar cartos para comprar roupa nova. O seu irmán (Clive Campbell, alcumado DJ Kool Herc) amenizou a verbena tocando a súa música. Acudiron persoas negras e latinas -o seu público habitual- (Juárez e Bermúdez, 2021).
En España o Hip Hop chegou durante os anos 80 a mans dos americanos que se estableceron na base militar de Torrejón de Ardoz. Foi na discoteca chamada antigamente Stones onde os DJ´s empezaron a picar a considerada daquelas a mellor música negra. Durante ese período o que máis chamou a atención visualmente foi o breakdance. Os españois quixeron imitarlles. Isto foi causado pola estrea de películas cando comezou a explosión do breakdance en 1983-84, como Beat Street. Os adolescentes daquela época coñeceron de 0 unha cultura mediante a mensaxe de “bailar, non pelexarse”, leitmotiv que levaban por bandeira obras como a anterior mencionada (Sandín, 2015).
Características
Un primeiro elemento deste estilo é o seu propio corpo, obxecto de experimentación a través da posta en escena dunha teatralidade en concreto. Practícase unha arte cuxa creatividade se erixe contra a violencia cotiá da marxinalidade. Un segundo elemento é o imaxinario sonoro creado a partir de diversos dispositivos materiais e corporais. Tamén hai que ter en conta a capacidade narradora dos hiphoperos, capaces de facer mergullar ao espectador na historia. Os pasos principais son os grooves (ondas co corpo), bounce (rebote cas pernas), bart-simpson (deslizamento dos pés cos brazos ao lado contrario) e steep-touch.