
Comparámonos moito para o pouco que somos entre toda a existencia.
Fai un ano subín unha reflexión ao meu perfil persoal de Instagram polo día da danza (29 de abril). Dende moi cativa son de escribir o que penso e o que sinto, para deixalo dalgunha foma plasmado en algún recuncho. Quere dicir, para deixar a miña pegada “ruando” por algún lugar. E, se con iso tamén podo axudar aos miolos perdidos que anden por aí coma son eu as veces, mellor que mellor. Sempre digo que a forma de sentir dunha persoa vai recollendo anaquiños do que un día viviu, e quizais este blog sirva como baúl ou álbum de pegadas.
Non me demoro máis. Velaquí a primeira entrada do blog de Galicia Ruando:
“Unha das cousas que me define dende que teño uso da razón é estar en constante actividade, movéndome, explorando o meu arredor, e o deporte sempre foi a ferramenta que empreguei para canalizar esa enerxía;
de todo tipo, en auga ou na terra, de estar federada e competindo, pasando por ser a desapercibida no fondo da aula para que ninguén vese os meus erros (segundo quen me ensinaba), dende exhibicións e campionatos pasando por pánico escénico e comparación constante, e alén diso o deporte sempre foi unha parte de min;
(din as linguas que cando máis se aprecia o estar ben rodeada é cando se está soa sen querelo, cando o opaco do dormitorio non é só aroma efímera, máis ben a banda sonora diaria dunha rutina cansa… e, dalgún xeito, como no intre no que se alinean os astros, volveu esa cativa ansiosa que adoraba ver os musicais por como bailaban, esa nena que naceu co ser fan pegado a súa pel, e coma algo ter que facer ca súa soidade, comezou esta andaina soa, ou mellor dito, con ela mesma)
cando comecei fai 3 anos nisto non sabía nin todo o que me esperaba nin todo o que ía descubrir, pero aínda menos todo o bo que me ía dar a danza urbana; coma capitán aferrado ao seu barco ou coma protección felina ca súa colonia, falar de baile, velo, vivilo, sentilo, aprendelo, non hai nada máis a día de hoxe que me encha tanto e me faga sentir realmente viva como o fai todo isto, e esa cativa segue aí latexando, aceptando que non todo o mundo ten o proceso de aprendizaxe tan rápido (nin todo o mundo flue igual, nunca ningunha persoa fará algo do mesmo modo, ningún río chega de igual caudal ao mar), de que teño que mellorar (e que en moitas ocasións se me fai máis colina arriba ca mochila cargada de pedras no lombo) e que a autoexigencia e a comparación o empeora;
grazas a quen me ensina, pola paciencia necesaria conmigo e a confianza que deposita en min, e a quen vai para ser ensinada, por facer posible un lugar tan cómodo, pola humildade e saber estar, por non dar cabida a burlas ou mirar por enriba do ombro, e por deixarme tamén aprender de cada exemplo e historia;
grazas, danza, por facerme vivir tan bonito e intenso”
(Antía C.F, 2024)